
En total, a AGADIC reserva un orzamento de 7.060.000 euros para as súas liñas de apoio ao sector, de xeito que, a pesar dos reaxustes orzamentarios, consegue aumentar en 160.000 euros a contía global convocada o ano pasado (6.900.000 euros). No caso das axudas para producións e coproducións audiovisuais, que supoñen máis do 70,5% do importe conxunto, a súa dotación distribuirase ata 2013 (1.400.000 euros no ano 2010, 1.400.000 euros en 2011, 1.380.000 en 2012 e 800.000 en 2013) e o prazo de xustificación de cada anualidade rematará o 31 e outubro do ano correspondente.
Poderán optar a estas subvencións varias categorías de proxectos que deben ser presentados por produtoras independentes: longametraxes (cinematográficas de animación, ficción ou documental), opera prima ou segundas longametraxes, películas para televisión e longametraxes documentais (de creación ou de difusión cultural). Como criterio común, todas as propostas deberán ser realizadas en lingua galega cun decidido contido artístico e cultural.
Segundo establecen as bases publicadas no Diario Oficial de Galicia o 7 de maio (dispoñibles para a súa descarga en formato PDF), estas subvencións poderán solicitarse ata o 7 de xuño, inclusive. Ademais, este mes de maio expira o prazo de presentación noutras dúas liñas de axuda: desenvolvemento de proxectos audiovisuais (día 20) e creación audiovisual para o desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego (día 24).
Por último, as axudas para a amortización dos custos de produción manterán aberto o seu período de solicitude ata o 15 de setembro, tendo en conta que a súa concesión é automática ata esgotar a dotación reservada de 800.000 euros. O prazo xa finalizou no caso das axudas para produción de curtametraxes e para desenvolvemento e produción de contidos interactivos.
AGADIC achegará preto de 5 millóns de euros á producións e coproducións en lingua galega
Compartir Este Artigo

