Tras o apagamento analóxico chega agora un reordenamento da Televisión Dixital Terrestre (TDT) que vai ter lugar durante os vindeiros anos, de xeito que as frecuencias anteriormente utilizadas por canles analóxicas pasarán a estar dispoñibles para servizos de banda larga e para novas canles dixitais, que están a preparar o seu desembarco, e así nos últimos días en distintas demarcacións está xa dispoñible un novo múltiplex de Televisión Española (que contén distintos programas en probas entre os que destaca TVE HD, a primeira canle en alta definición en aberto de España) e as canles que en setembro servirán para a distribución de novas canles de TDT, das que esta semana botou a andar en probas a primeira: Nitro.
Nitro é a nova canle de Antena 3 destinada a un público masculino, de xeito que con películas (coma Collateral, Los Señores del Acero, Pisando Fuerte, Transporter 3, Pitch Black ou Fugitivos Encadenados) e series de acción (24, Southland, Rush, Flashpoint, Turno de Guardia, Pacific Blue, Expediente X, Boston Legal e Ley y Orden: Acción Criminal, entre outras) busca completar a oferta actual de Antena 3, Neox e Nova (orientadas a distintos públicos).

Outras canles de UHF que comezan a estar reservadas son a 38 (Ares e Santiago) e 39 (Domaio) para acoller aos novos programas de Telecinco e de Net TV (MTV e La 10) e a 35 (Ares) e 46 (Domaio e Santiago) para dous programas de Sogecuatro e dúas de La Sexta.
Entre as canles de Telecinco comentábase a creación de LaNueve como unha oferta televisiva dirixida a un público feminino, pero finalmente mudaron de idea e agora fálase de que a nova canle que estrearán en aberto será Boing, na que poden seguirse series da Turner coma Ben 10 Alien Force, Inazuma Eleven, Las Supernenas Z, Bakugan en Nueva Vestroia ou Casi Ángeles, o que axudará a compañía a achegarse ao público infantil e xuvenil.
Sorprende que nun momento no que están a reordenarse as frecuencias da TDT por toda España continúa a proliferación de canles piratas, que en Galicia fanse notar, especialmente na zona de Vigo, onde o número de programas que emiten sen licenza parece ser o maior de Galicia.
Promocións de Nitro, a nova canle de Antena 3
Comezan os cambios na TDT de cara á incorporación de novas canles
Compartir Este Artigo
