A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica está levar a cabo diferentes actuacións nas sedes xudiciais para avanzar na implantación do Plan de Sistemas Plan Senda 2014, que por vez primeira establece unha auténtica folla de ruta para integrar as Tecnoloxías da Información e da Comunicación no ámbito xudicial. As actuacións contempladas no Senda 2014 estrutúranse en diferentes liñas que abranguen as áreas de infraestruturas, equipamento e medios, sistemas de información, gravación e vídeconferencia, e formación.
Entre as medidas que se están a desenvolver de xeito máis inmediato na área de infraestruturas está a instalación de 39 sistemas de alimentación ininterrompida nas sedes xudiciais das vilas. Esta actuación permitirá minimizar as caídas dos sistemas por problemas eléctricos ou planificar a parada ante un problema por culpa deste tipo de incidencias.
Ademais, atópase en fase de licitación a renovación e adquisición de servidores para os Centros de Proceso de Datos de Pontevedra, Lugo, Ourense, Vigo e Ferrol, Santiago e A Coruña, xa que se priorizou a cambio destas infraestruturas naquelas cidades onde se rexistraron un maior número de incidencias.
Dotar de equipamento e medios axeitados aos profesionais da Xustiza en Galicia é outro dos obxectivos do Senda 2014. Nesta liña de acción estase a realizar a renovación do parque ofimático coa instalación de 663 equipos de sobremesa en 38 vilas e nas 7 grandes cidades; de 165 impresoras multifunción das 332 previstas e de 60 impresoras persoais en vilas e cidades.
A versión 2.1 do sistema de xestión procesual Minerva é a última enviada polo Ministerio o pasado mes de xullo e está xa implantada. Entre as actuacións que se están a realizar no marco dos sistemas de información está a continuación do proceso de implantación do sistema LexNET en toda a Comunidade.
En canto á implantación do programa Inforeg para a informatización dos Rexistros Civís e dos Xulgados de Paz, actualmente teñen acceso a este sistema o 98% dos Xulgados de Paz e completouse a formación aos usuarios do 97% destes centros.
Está pendente de asinarse o convenio entre a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, o Ministerio de Xustiza e a entidade pública Red.es para o desenvolvemento de servizos públicos dixitais no ámbito xudicial no marco do programa Ius+reD.
Cun investimento de preto de 2 millóns de euros, o acordo permitirá dotar ás sedes xudiciais da infraestrutura necesaria para implantar o expediente xudicial dixital, establecendo as aplicacións e as actividades de capacitación necesarias para o seu desenvolvemento.
Outra das accións previstas no convenio é a dotación de sistemas dixitais de gravación audiovisual e videoconferencias que posibiliten a integración cos sistemas de xestión procesual xa que as gravacións poderán utilizarse no procedemento xudicial e ser visualizadas empregando o correspondente certificado dixital. Nesta mesma, liña poranse en marcha accións para adaptar os sistemas de gravación ás esixencias que se deriven da implantación da Nova Oficina Xudicial relativas á celebración e xestión das visitas orais.
O Plan Senda 2014 avanza na modernización das sedes xudiciais galegas
Compartir Este Artigo
