A nova versión de Seesmic, aparte de consultar as actualizacións de Twitter e Facebook, permite ampliarse para poder ver, por exemplo, o que os nosos amigos buscan na tenda de Zappos.comTanto no móbil coma no escritorio informático Seesmic é unha aplicación moi popular para facilitar o acceso a plataformas de redes sociais coma Twitter e Facebook, que vén de renovarse nas súas versións para Windows e Mac OS X, Seesmic Desktop 2, coa sorpresa de que incorpora engadidos, de xeito que a aplicación é expansible para converterse nunha plataforma completa de comunicación que xa conta con máis de 40 plugins que facilitan o acceso a Google Reader, Google Buzz, YouTube, LastFM ou Zappos. Polo momento esta aplicación baseada en Silverlight só ten engadidos de balde (poderán saír algúns de pagamento no futuro) e xa conta cun SDK para que os programadores poidan desenvolver novas ampliacións para esta ferramenta que agradecerán os usuarios de programas deste tipo que en moitos casos melloran a experiencia de uso con respecto a un acceso vía web a moitos servizos.