Microsoft continúa a mellorar o seu navegador web Internet Explorer para non quedar atrás na carreira pola interface de acceso á web dende o escritorio (dende dispositivos móbiles xa é un navegador residual) e adoptar os novos estándares (coma HTML5 e CSS3), de aí que veñan de presentar a primeira versión de proba pública do Internet Explorer 9, que xa pode descargarse en 33 idiomas (entre os que están o español e o catalán) e permite gozar dunha maior velocidade de execución de elementos interactivos e de contido multimedia (aproveita a aceleración gráfica do ordenador). E para os usuarios que estean interesados en introducirse no mundo do Internet Explorer 9 Beta a compañía de Redmond preparou unha páxina web chamada La Belleza de Internet, na que repasan as prestacións e novidades desta ferramenta que facilita a navegación pola web.
O novo Internet Explorer só funciona en Windows Vista e 7 (deixando claro que o Windows XP é un produto en vías de extinción) e algunhas páxinas web coma o buscador Bing aproveitarán as súas funcionalidades para amosar animacións fluídas e galerías fotográficas mellor construídas, e incluso permite que a imaxe de fondo da súa páxina de entrada poida substituírse por un vídeo.
As pestanas do navegador tamén mudaron para gañar en simplicidade, facéndoas máis atractivas para a meirande parte dos usuarios, á vez que cando se abre unha nova poderemos ver unha vista en miniatura das páxinas web máis frecuentadas polo usuario. Temos así unha interface de usuario que lembra a navegadores alternativos coma o Google Chrome, aínda que cunha forte integración en Windows 7, que agradecerán os que empreguen a última versión do sistema operativo de Microsoft.
No tocante ás extensións que permite engadir funcionalidades ao navegador, o seu manexo mellora permitindo a súa doada desactivación e desinstalación (o propio sistema detecta os engadidos que poden facer que o noso equipo vaia lento por se queremos inhabilitalos).
Pese a todas estas vantaxes, hai que advertir que estamos ante unha versión de proba só apta para usuarios máis experimentados ou atrevidos, polo que os máis prudentes preferirán agardar á primeira metade de 2011 para actualizar o seu Internet Explorer, conformándose con ver as súas novidades no vídeo que prepararon dende Mashable:
Dispoñible para a súa descarga o Internet Explorer 9 Beta
Compartir Este Artigo

