Aínda que levamos anos escoitando rumores sobre a posibilidade de que Amazon abra tenda en España (acrecentados pola recente compra da compañía da española BuyVIP), o certo é que en Europa a popular tenda en liña só ten presenza real en Francia, Alemaña e Reino Unido, e neste último establecemento virtual están a reforzar a súa estratexia internacional, de xeito que a partir de hoxe será posible adquirir un importante abano de produtos con gastos de envío de balde dende 16 países europeos entre os que está España, sempre que realicemos pedidos superiores ás 25 libras esterlinas.
Actualmente xa se rexistraban moitos pedidos dende España a Amazon.co.uk, pola vantaxe que supón o cambio euro-libra e por certos produtos (coma os videoxogos) que en Reino Unido teñen prezos máis atractivos que no continente, e con esta nova promoción dende a tenda buscan mellorar aínda máis as súas vendas internacionais a tempo para o Nadal.
Os portes de balde afectan a produtos de electrónica, fogar, xardinería, bebé, xoiería, reloxos, roupa, calzado, deporte, saúde, beleza, libros, música, DVD, aplicacións informáticas, videoxogos e xoguetes, aínda que cómpre advertir que non todos os produtos (especialmente os de electrónica de consumo, entre o que estarían os Kindle de Amazon) non están dispoñibles internacionalmente.
Amazon.co.uk estrea portes de balde para España
Compartir Este Artigo
