Durante os últimos 2 días a Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de A Coruña deu acubillo a unhas xornadas sobre O libro electrónico: presente e futuro na biblioteca e no ensino, nas que repasaron a historia dos e-books, a súa situación actual, os formatos de edición, a distribución, a problemática da propiedade intelectual, o seu uso nas bibliotecas, as súas posibilidades nas redes sociais, o empréstamo de obras ou a súa utilización nos distintos graos de ensino, pondo peche ao evento cunha mesa redonda na que participaron Manolo Bragado (director de Edicións Xerais), Catuxa Seoane (documentalista), Antonio Quirós (director de Luarna), Tati Mancebo (xerente de Algueirada), Camilo Franco (escritor), Juan L. Blanco Valdés (director do servizo de publicacións da USC) e Patricia Digón (docente e unha das coordinadoras dos encontros), que presentaron as súas conclusións sobre as xornadas, para abrir un debate co público sobre cara onde vai o libro electrónico, a educación e a lectura, existindo diversidade de enfoques entre os presentes.
Manolo Bragado considera que as discusións sobre os soportes de lectura resultan pouco produtivas, e sostén que é irrelevante discutir sobre se os eReaders, os tablets ou os ordenadores van dominar o futuro da lectura, dando por sentado que o cambio é inevitable, e entendendo que o almacenamento na nube podería xogar un papel chave, por poder facilitar a protección e o control das obras, á vez que facilitaría unha alta dispoñibilidade, para o que será preciso loitar con forza contra a fenda dixital, para que non haxa lugares sen acceso á Internet (pois quedarían tamén illados do acceso á cultura). No ámbito da educación tamén comentou a necesidade de reflexionar sobre a necesidade de que os cativos destinen tanto tempo aprendendo a escribir a man cando nun certo prazo poderían ter máis a man solucións dixitais para a escritura de texto. No tocante aos dereitos de autor, Bragado prognostica que a posición actual das entidades de xestión non se corresponde co seu peso real, e no futuro deberán equilibrarse os intereses de autores/editores e consumidores.
A documentalista Catuxa Seoane, dende a súa experiencia en bibliotecas públicas, comentou a mala acollida que están a ter os actuais dispositivos de lectura de e-books, dos que considera que non ofrecen nada actualmente que non permita un móbil, parecer que compartido pola asesora tecnolóxica para as industrias culturais Tati Mancebo, que cualificou aos eReaders coma dispositivos futuristas dos anos setenta, restándolle importancia a estes trebellos e instando a centrarse nos contidos.
Aos problemas actuais do libro electrónico, Antonio Quirós destacou que plataformas de distribución coma Libranda tampouco están a pór as cousas doadas aos consumidores, e o feito de que a tecnoloxía DRM só dificulte o proceso de compra leva a moitos lectores a recorrer á descarga de balde a través da Internet (o que pode facerse de xeito doado coa axuda de Google), polo que habería que tomar medidas para evitar esta perversión.
O escritor Camilo Franco, co humor que o caracteriza, realizou analoxías co vídeo VHS, considerando inevitable que a lectura remate nas pantallas, o que levará a un cambio de hábitos que incluso pode levar a ameazar á intelixencia comprensiva por falta dunha lectura profunda dos contidos, o que xerou certas discrepancias co público, pois non todos consideran que a crise do sistema educativo estea relacionada coa sobreambundacia da información ou a dixitalización da mesma. Tal discusión levou en varias ocasións a falar dos nativos dixitais, concepto no que tamén hai pareceres enfrontados, chegando a comentarse que as competencias dixitais da mocidade actual ten moitas deficiencias, e aínda que esteamos ante unha revolución comparable á chegada da televisión aos fogares, non deberiamos entender que hai diferenzas de peso entre o público mozo e o de máis idade, xa que fenómenos como as plataformas de redes sociais son novos tanto para adultos como para cativos, polo que a fenda xeracional non parece xustificar o punto de vista de boa parte dos presentes.
No que si houbo consenso foi en pensar que todo o sector está a mudar a unha velocidade sen precedentes, de xeito que resulta imposible predicir o que deparará o futuro, para ben ou para mal, e así coma non se fixo realidade o trunfo dos eReaders en España o pasado Nadal, tamén é certo que estamos ante un proceso de dixitalización imparable sobre o que haberá que reflexionar moito durante os vindeiros anos, á vez que desenvolver os seus contidos para que non sexan unha mera tradución do papel á pantalla sen valor engadido.
A Coruña despide unhas xornadas sobre o libro electrónico coa vista posta no futuro
Compartir Este Artigo
