Na web aparecen constantemente novos proxectos a distintas escalas, polo que de cando en vez sorprende ver pequenos espazos feitos co debido mimo, que grazas á colaboración de empresas locais acadan un resultado máis que destacable, coma é o caso de Recunchos da Costa, un produto do xornal dixital Quepasanacosta.com que busca pór en valor os lugares máis fermosos da Costa da Morte para que poidan ser coñecidos e visitados tanto por turistas coma polos veciños da bisbarra.
Este novo servizo consiste nunha escolma de fichas xeolocalizadas e organizadas por concellos que achegan información práctica para poder visitar estes enclaves, moitas veces complicados de atopar por falta de información e sinalización.
A tecnoloxía de xeolocalización non é outra que IkiMap, desenvolvemento da compostelá Sixtema, mentres que a parte técnica correu da man do obradoiro de novos medios Galinus, empresa de Corcubión que en numerosas ocasións demostrou que pode acadarse a excelencia dende a periferia da periferia.
Este proxecto tamén ten iniciativas irmás coma un espazo de información integral dos horarios dos autobuses da Costa da Morte, unha axenda sociocultural local e incluso unha plataforma de acollida de mascotas.
Unha nova páxina web axuda a descubrir interesantes recunchos na Costa da Morte
Compartir Este Artigo
