Os presidentes do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e de Radiotelevisión Española, Alberto Oliart, asinaron esta mañá na Coruña un convenio para a catalogación e dixitalización do arquivo documental do Centro Territorial de Radio Nacional de España en Galicia. En conxunto 3.400 cintas magnetofónicas, 150 discos magneto ópticos, 500 casetes e un importante número de CD. Os traballos prolongaranse durante dous anos.
Ao acto asistiu tamén o alcalde da Coruña, Javier Losada, que descubriu unha placa conmemorativa dos 25 anos da cesión do Edificio La Terraza (paseo de Méndez Núñez, 5) como sede de Radio Nacional de España.
O convenio, que o Consello da Cultura Galega levará a cabo a través do seu Arquivo Sonoro de Galicia, ten como finalidade contribuír á adecuada recuperación e conservación do patrimonio sonoro de Galicia. Os traballos realizaranse na sede territorial de Radio Nacional na Coruña, que aportará os medios técnicos necesarios e facilitará o acceso do persoal do Consello da Cultura Galega aos fondos depositados nas súas instalacións.
Pola súa parte o Consello da Cultura Galega transportará os soportes desde as distintas sedes de Radio Nacional en Galicia ao Centro Territorial da Coruña e achegará os medios humanos necesarios para o desenvolvemento das tarefas.
Unha comisión de seguimento, integrada por dous representantes de Radio Nacional de España e do Consello da Cultura Galega, analizará trimestralmente o cumprimento do convenio e fará o seguimento dos traballos, que deberán rematar a finais de 2012.
O Consello da Cultura dixitalizará o arquivo de Radio Nacional en Galicia
Compartir Este Artigo
