A Biblioteca da Cidade da Cultura de Galicia acolle hoxe a xornada inaugural do encontro internacional Pasado, presente e futuro das Bibliotecas, no que un grupo de prestixiosos intelectuais e escritores reflexionará ata mañá sobre o sentido e a función das bibliotecas na era dixital. O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, asegura que este encontro «servirá para repasar a historia da humanidade a través das bibliotecas e intentará despexar moitas das incógnitas do seu presente e futuro» engadindo que o edificio do Gaiás está «concibido para reunir, conservar e difundir o rico patrimonio bibliográfico do noso país, ao mesmo tempo que será a mellor representante de Galicia nas relacións coas bibliotecas de todo o mundo».
A primeira xornada do encontro internacional Pasado, presente e futuro das Bibliotecas comezou a súa actividade lectiva a través da mesa redonda que versou sobre A identidade galega e as Bibliotecas, na que debateron o historiador e profesor Emérito da Universidade de Santiago de Compostela, Xosé Ramón Barreiro, o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares e o escritor e Premio Nacional de Literatura, Alfredo Conde. Na sesión deste serán, o pensador italiano e Premio Príncipe de Asturias, Claudio Magris e o poeta e ex ministro de Cultura César Antonio Molina compartiron opinións na mesa redonda Biblioteca e Literatura.
Na súa intervención, o escritor italiano presentou esta tarde as bibliotecas como «espellos da humanidade». Claudio Magris repasou os diferentes modelos de bibliotecas que os grandes mestres da literatura albiscaron nas súas obras lembrando, entre outras, a biblioteca que aparece en El Quijote e a súa metáfora do poder que os libros exercen sobre o home.
A crítica literaria Mercedes Monmany, acompañou a Claudio Magris e a César Antonio Molina na mesa de debate e asegurou que «unha maravilla como a Cidade da Cultura» representa «o mais innovador que se está a facer en España no campo da arte e da cultura».
Tamén participan no encontro o Premio Cervantes e actual embaixador da República Chilena en París, Jorge Edwards, os prestixiosos especialistas nas novas tecnoloxías da comunicación como Román Gubern, profesor Emérito da Universidade Autónoma de Barcelona, ou Derrick de Kerckhove. Director do McLuhan Program in Culture and Technology da Universidade de Toronto, e intelectuais galegos como a novelista e profesora da Universidade de Vigo Rexina Vega ou o tamén escritor e Premio Nacional de Literatura Alfredo Conde, así como Daniel Buján, subdirector xeral da Biblioteca de Galicia.
O papel actual das bibliotecas a debate na Cidade da Cultura
Compartir Este Artigo

