Logo de 35 anos sen apenas sufrir cambios, a televisión, ao igual que o resto dos medios de comunicación actuais, enfróntase irremediablemente a unha profunda transformación derivada da obriga de adaptarse ás novas pautas de consumo de información e ocio da sociedade.
Agora o modelo de negocio non queda nada claro e, segundo palabras extraídas dun relatorio celebrado na E.E. de Telecomunicación da Universidade de Vigo, “coa chegada das televisións a través da Rede e de novos dispositivos é tan complicado o modelo de negocio que non se sabe quen paga a quen: Telefónica quere que Google lle pague por usar as súas infraestruturas e Google respóndelle que se desaparece Youtube a ver quen contrata a súa banda ancha”.
Así o explicaba Alejandro Morán, de Everis, durante a súa intervención nos relatorios centrados na situación tras o apagado analóxico celebrados estes días na entidade académica.
Ollando ao futuro, engadiu, “non sabería responder que é a televisión. O futuro está en Internet, no iPad, no iPod… non se precisa empaquetar o produto”.
Morán sentenciou o futuro da televisión asegurando que “teremos que dicirlle adeus a axendas e contidos ideados por outros, posto que agora o público decide o que quere, cando e en que dispositivo”.
As xornadas, organizadas polo departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, acolleron tamén os relatorios de Justo Rodal, de Televés, sobre a evolución dos estándares ata o apagado analóxico, e de Vicente Goyanes, coordinador de Servizos Multimedia da Universidade, que explicou a experiencia pioneira de UvigoTV, a cal, leva seis anos facendo televisión na Rede.
A televisión dixital da Universidade de Vigo xa superou os 1,1 millóns de vídeos vistos, o que dá unha idea da boa acollida que ten entre o alumnado o feito de ter gravadas clases, relatorios e outros eventos e telos a súa disposición cando e onde queiran. Cunhas 500 horas ao ano, a web ten máis de 4500 vídeos almacenados en PuMuKIT, unha plataforma deseñada e liberada pola Universidade viguesa que permite automatizar o proceso de publicación vía Internet de contidos audiovisuais a través de canles como Youtube.
A Universidade de Vigo analiza a situación da televisión logo do peche analóxico
Compartir Este Artigo

