
Lembremos que a disposición final segunda da LES fora rexeitada pola Comisión de Economía do Congreso, e agora búscase a súa reintegración no Senado a través dunha emenda conxunta de PSOE, PP e CiU, segundo explicou a ministra de cultura, Ángeles González-Sinde, nunha comparecencia na que resaltou a intervención xudicial nun «procedemento que garante que o titular da páxina denunciada poida retirar o contido» ao que o voceiro de cultura do PP, José María Lassalle, engadiu que «supón unha nova regulación que protexe axeitadamente os dereitos de propiedade intelectual na Rede e logra ademais unha protección dos dereitos dos internautas e da liberdade na Internet» (pese ás fortes críticas á primeira versión do texto).
Co novo texto os xuíces intervirán na identificación do responsable do servizo que presuntamente vulneraría os dereitos de propiedade intelectual, incorpórase un prazo de 48 horas para «a retirada voluntaria dos contidos infractores» (o que poría fin ao procedemento) e detállase a composición da Comisión de Propiedade Intelectual, que serían 3 membros nomeados polo Ministerio de Cultura, a proposta dos Ministerios de Economía e Facenda, Cultura e Xustiza, por un período de 3 anos renovables unha única vez, entre expertos de recoñecida competencia en materia de propiedade intelectual. Entre as funcións da polémica Comisión estaría a mediación, arbitraxe e salvagarda dos dereitos de propiedade intelectual.
Pese ás declaracións públicas efectuadas polos políticos nas que falan de garantías xurídicas, o texto mantén un procedemento exprés, de xeito que o peche dunha web decidiríase no prazo de só 4 días (2 para convocar aos afectados e outros 2 para resolver mediante auto), de aí que continúen vixentes os elementos máis polémicos entre a comunidade internauta, que continúa a amosar a súa oposición á Lei Sinde, e expertos sobre a materia coma o avogado David Bravo cualifica a nova emenda coma «un desastre» incidindo no feito de que o texto busca fuxir da lexislación vixente para permitir un peche de páxinas web que ata o momento non foi quen de facer ningún xuíz ante as denuncias presentadas contra páxinas web das denominadas de descargas.
PSOE, PP e CiU acordan recuperar a Lei Sinde
Compartir Este Artigo
