HP presentou os seus novos produtos co sistema operativo webOS deixando claro que tiñan asumida a absorción de Palm, de xeito que os seus novos dispositivos xa serán directamente anunciados como de HP, comezando por 2 terminais móbiles e un tablet que quere competir co iPad.
O HP TouchPad sorprende por ser practicamente un calco do iPad de Apple, cunha pantalla táctil de 9,7 polgadas cunha resolución de 1.024 x 768, unhas dimensións de 190 x 240 x 13,7 milímetros, un peso de 700 gramos, Wi-Fi N, Bluetooth e opción 3G e A-GPS, mellorando ao dispositivo actual de Apple por contar cun procesador Qualcomm MSM8660 a 1,2 GHz, 1 Gb de RAM, webcam de 1,3 Mpíxeles, un sistema de carga indutiva e conectividade microUSB, aínda que estas prestacións poderían igualarse por Apple nos vindeiros días de confirmarse o coñecido popularmente coma iPad 2.
O factor diferenciador do HP TouchPad sería o uso de webOS 3.0, sistema operativo moi funcional comparable ao Android 3.0, contando con multitarefa real e navegador web con soporte de Adobe Flash. Tamén busca a interacción con outros dispositivos de HP mediante a tecnoloxía NFC, o que vai dar pé a funcionalidades diferentes ás que estamos afeitos.
Por desgraza, este tablet non chegará ao mercado ata o verán a un prezo aínda sen confirmar, o que dá a entender que vai ter serios problemas para competir co novo iPad, pois non poderá aproveitar unha fiestra de tempo na que este produto fose claramente superior.
Novos móbiles con webOS

O HP Pre3 chega cunha pantalla táctil de 3,6 polgadas cunha resolución de 480 x 800 píxeles, un procesador Qualcomm Snapdragon a 1,4 GHz, 512 Mb de RAM, cámara de 5 Mpíxeles, gravación de vídeo a 720p, 8/16 Gb de almacenamento, A-GPS, Wi-Fi N, Bluetooth 2.1, a posibilidade de crear un punto de acceso Wi-Fi para ata 5 usuarios, batería de 1.230 mAh compatible co cargador indutivo Touchstone, unhas medidas de 64 x 111 x 16 milímetros e 156 gramos de peso.

Ambos móbiles teñen teclado QWERT deslizante, sistema operativo webOS 2.2 ou superior e aínda que non se coñece nin o seu prezo nin a súa data final de lanzamento, deberían chegar ao mercado esta primavera, adiantándose ao HP TouchPad.
HP presenta os seus novos produtos con webOS
Compartir Este Artigo

