Eficiencia e cooperación. Estes son os piares nos que descansa, en palabras da Xunta, o novo Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015, coñecido a maiores como plan I2=C. A estratexia, impulsada pola Consellería de Economía, foi presentada o venres 11 de febreiro no CGAC (Santiago) perante un importante número de membros da vida política e docente galega, amais de investigadores e profesionais do noso tecido produtivo de vangarda. O plan, entre outras cousas, inclúe actuacións para os vindeiros cinco anos en materia de impulso global á competencia do país. En termos orzamentarios, son 1.200 millóns de euros os postos en xogo nun principio. En palabras de Javier Guerra, conselleiro de Economía, o plan encamíñase a optimizar o rendemento económico, fomentar a colaboración a tódolos niveis e implicar a quen sexa preciso: empresas, institucións, centros de investigación e cidadanía en xeral. No acto tamén participou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, quen asegurou que camiñamos directamente a conseguir que de cada 100 euros que se invistan, 3 vaian ao I+D.
Volvendo á intervención de Javier Guerra, que amosou punto por punto os obxectivos e eixes da estratexia, dicir que na súa opinión esta ten moito de oportuna. É dicir: que se pon en marcha no intre indicado para acadar o impulso innovador que aínda nos falta. “O plan que hoxe presentamos”, engadiu, “é a clave para conseguir a competitividade que se precisa a través dun traballo serio e exhaustivo de análise”. Este traballo, dixo, implicou un fondo estudo do noso tecido de Investigación e Desenvolvemento e do seu potencial, albiscándoo e pensando en clave futura. Entre os elementos claves deste potencial están, por suposto, as persoas. A xuízo de Guerra, os equipos humanos son o gran elemento diferenciador, polo que unha boa parte dos traballos a realizar teñen que ver coa mellora de todo o que apoia e rodea ao seu traballo e coa aplicación rendible do que del que abrolla. Asemade, procurarase a comunicación continua entre os equipos, entre eles e coas empresas, institucións e centros de investigación de toda índole.
Entre os eixes principais do plan enumerados por Guerra, salientamos os seguintes:
· A xestión do talento. Trátase de aproximar o mundo empresarial á investigación pondo en valor o que temos e atraendo investigación de fóra.
· Afianzamento de grupos de investigación de referencia, das universidades e dos nosos centros de I+D. En virtude do plan, sinalou Guerra, terán un sistema integral de apoio, profesionalizado e unificado.
· Revalorización do coñecemento. Elemento clave neste plan da Xunta, comentou, no que se inclúen todas aquelas actividades que teñen posibilidades de engadir un modelo de negocio á investigación.
· Innovación como motor de medre. Trátase de estimular o investimento privado galego, unha das nosas carencias máis graves, comentou, favorecendo a achega colaborativa das empresas en materia de I+D.
· Internacionalización dos procesos de coñecemento e innovación.
· Implicación das administracións públicas no tecido investigador e innovador. Búscase, comentou, que o traballo das nosas institucións neste eido sexa permanente, así como no pulo á cultura da modernización.
· Potenciación dos programas sectoriais e da colaboración das nosas firmas en programas de I+D con socios de tódalas procedencias e nos ámbitos nos que despuntamos de xeito especial, como a saúde, a alimentación, a pesca, o agro, a nanotecnoloxía, o transporte, a tecnoloxía do medio ambiente, as renovables, o turismo, etc.
· Pulo aos proxectos singulares. Con este plan, manifestou Javier Guerra, traballarase no pulo a aqueles eidos da investigación nos que temos vantaxe, emprestándolles atención a iniciativas singulares como por exemplo o Campus do Mar da Universidade de Vigo, o Campus Vida da Universidade de Santiago.
· A nova estratexia de I+D da Xunta diríxese tamén “á promoción dun sistema que faga avaliacións continuas dos resultados obtidos grazas ao plan”, comentou Guerra. Estes exames virán da man da Axencia Galega da Innovación, que se encargará do control das vertentes prácticas do plan.
A visión do presidente da Xunta
Ao acto de presentación do novo Plan Galego de Investigación tamén acudiu o titular da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, quen comezou a súa achega salientando o factor positivo que ao seu xuízo ten a estratexia. Un factor, dixo, que rompe cun tópico pouco acertado: o que identifica ao pobo galego coa pasividade fronte ao medre económico. “Galicia foi e segue a ser brillante en proxectos”, comentou, e se aínda non despegou como debe non é por mor dos investigadores, senón polas carencias dun sistema que capte e reteña potencial innovador, aproveitándoo. “Pórlle solución a isto é o gran obxectivo do plan”, subliñou. En termos máis concretos, o que se buscará (comentou) é pórlle fin ao noso déficit de patentes solicitadas, que é inferior á medida española (15 patentes menos por cada 1.000 habitantes).

Video coas declaracións do presidente da Xunta sobre o Plan galego de investigación, innovación e crecemento 2011-2015
A Xunta quere que 3 de cada 100 euros investidos vaian directos a fomentar a I+D
Compartir Este Artigo
