O Consello da Xunta celebrado hoxe en San Caetano aprobou a incorporación da Xunta de Galicia ao Centro Nacional de Referencia de Aplicación das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (CENATIC), que ten como obxectivo xeral «promover o coñecemento e difusión do software baseado en fontes abertas na Administración e nos diferentes sectores de actividade».
Coa entrada da Xunta no padroado de CENATIC, o Goberno galego consegue que Galicia teña voz e voto na entidade que toma as decisións estratéxicas para o fomento do software libre a nivel estatal. A incorporación ao CENATIC permitirá traballar na creación no presente ano dun selo de calidade para o software libre galego, xa que a Xunta se adherirá ao selo nacional que se está a promover desde o CENATIC para despois adaptalo á realidade do tecido TIC galego. Este selo permitirá ás empresas galegas a posibilidade de obter un recoñecemento, en forma de certificación, a nivel estatal.
Deste xeito, a Administración autonómica continúa avanzando nas medidas previstas para fomentar o uso do software libre en todos os ámbitos da sociedade como se recolle no Plan de Acción 2010 en materia de software libre e de fontes abertas (FLOSS), un plan que ten continuidade no presente ano.

A Xunta de Galicia incorpórase a CENATIC
Compartir Este Artigo
