Apple actualizou os seus portátiles de alta gama MacBook Pro con novos procesadores, máis memoria RAM, tarxetas de vídeo máis potentes, nova cámara web e a incorporación de Thunderbolt, que é o nome que a compañía de Cupertino dá á tecnoloxía LightPeak de Intel, que pretende convertese nun estándar de transmisión de datos de alta velocidade (10 Gbps bidireccionais) de xeito que iría ao dobre de velocidade que o USB 3.0 e 20 veces máis rápido que o USB 2.0. Deste xeito, os dispositivos externos acadarían un rendemento comparable ao dos interno, á vez que achega 10 W para alimentalos (fronte aos 5 W do USB 3.0) facilitando a aparición de trebellos que non precisen de alimentación adicional. De todos os xeitos hai moitas dúbidas sobre o éxito desta tecnoloxía, pois espérase que os fabricantes opten masivamente polo USB 3.0, de xeito que LightPeak podería seguir a mesma sorte que o FireWire (que pese a ser un estándar recoñecido para o vídeo, cando falamos do seu uso para dispositivos informáticos externos non pasou de anécdota).


Entre as opcións dispoñibles nestes equipos podemos destacar a posibilidade de, cun custo adicional, adquirir os modelos de 15 e 17 polgadas con pantallas anti-reflectintes, o que agradecerán especialmente os profesionais do deseño gráfico ou da edición de vídeo.
No tocante aos prezos, parten de 1.149 euros para o MacBook Pro con pantalla de 13 polgadas e procesador Intel Core i5 a 2,3 GHz, mentres que o modelo de 17 polgadas cun procesador Intel Core i7 custa a partir de 2.499 euros.
Os MacBook Pro gañan potencia e conectividade
Compartir Este Artigo

