A Cidade da Cultura de Galicia acollerá os días 7, 8 e 9 de abril o seminario internacional As Bibliotecas Dixitais, no que participarán os responsables das principais bibliotecas dixitais do mundo, como a Library of Congress dos Estados Unidos, a British Library do Reino Unido, a World Digital Library da Unesco, Europeana da Comisión Europea, ou as Bibliotecas Nacionais de Australia e de España. O encontro abrirase tamén a empresas privadas, como Google Books España.
O seminario permitirá a difusión do traballo que está a realizar a Biblioteca de Galicia a través de diferentes proxectos de dixitalización co fin de que os usuarios poidan ter acceso ao patrimonio bibliográfico galego a través da rede. Así, aproveitarase a reunión desta elite de profesionais para presentar Galiciana, a biblioteca dixital galega, que por volume de fondos dixitalizados é xa unha das mais potentes de España e de Europa.

Os expertos analizarán os novos desafíos na creación de coleccións dixitais de doado acceso e intercambiarán experiencias sobre os novos sistemas de busca e recuperación de información que se están a utilizar nestes centros. Ademais, abordaranse cuestións vinculadas a temas como os dereitos de autor, a relación entre bibliotecarios, investigadores e editores ou a definición de cales son as necesidades dos usuarios co fin de que as bibliotecas dixitais sexan o mais útiles posibles.
Representantes das principais bibliotecas dixitais do mundo participarán nun seminario na Cidade da Cultura
Compartir Este Artigo

