Francisco López, director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, presentou hoxe o novo servizo Biblioteca Accesible da Biblioteca Ánxel Casal, que pretende que calquera persoa con eiva física poida acceder á biblioteca e aos seus recursos informativos.
A biblioteca compostelá consolídase como «un lugar para o libro moderno, actualizado e orientado a todos os públicos» en palabras do director xeral do Libro, e co servizo Bilioteca Accesible contribúe a « mellorar a accesibilidade e permitir que as persoas con circunstancias físicas especiais poidan gozar do pracer da lectura e dos recursos audiovisuais que lles poidan interesar».
Concretamente os novos recursos informáticos dispoñibles na Biblioteca Ánxel Casal son 2 ordenadores de sobremesa con periféricos e programas especialmente adaptados a persoas con problemas físicos ou cognitivos achegados polo Programa TIC TAC Adapta. A Biblioteca tamén conta con 20 netbooks para todo o público, que tamén están equipados con programas accesibles.

Para os usuarios invidentes tamén hai unha sección de lecturas con textos en Braille ou en formato DAISY (para unha boa conversión texto a voz), así como audiolibros.
Tamén están dispoñibles CD-ROM multimedia con xogos para persoas con algunha discapacidade cognitiva. Diríxense a discapacitados psíquicos e persoas con outras doenzas como autismo, afasia, Asperger, etc.
A Biblioteca Ánxel Casal avanza na accesibilidade
Compartir Este Artigo

