TIC TAC Galicia achégalle as novas tecnoloxías ás persoas con discapacidade

mércores, 16 de marzo do 2011 Raquel Noya

Ata 149 centros públicos de acceso á Rede na nosa Comunidade dispoñen xa, grazas ao programa TIC TAC Galicia, de dispositivos tecnolóxicos adaptados, para que as persoas que sofren algún tipo de discapacidade, teñan as mesmas oportunidades de conectarse a Internet que o resto da poboación galega, aproveitando así tódalas vantaxes que lle ofrecen as novas tecnoloxías para mellorar a súa calidade de vida.
A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, foi a encargada de presentar esta iniciativa na que colabora co Ministerio de Industria, Turismo e Comercio (a través de red.es), que se levará a cabo noutras oito comunidades e unha cidade autónoma, e que achega un investimento de 820.000 euros.
O programa TIC TAC ten como obxectivo reforzar con novo equipamento tecnolóxico os centros públicos de todo o país, para mellorar a accesibilidade á sociedade da información de toda a cidadanía, facendo especial fincapé nas persoas con discapacidade, que agora poderán, entre outras cousas, facer uso da administración electrónica de maneira doada e sen trabas.
A iniciativa tamén pretende levar a cabo accións formativas entre as persoas con discapacidade visual, auditiva, cognitiva ou motora; así como entre os profesionais que asesorarán ás devanitas persoas no uso diario destes dispositivos.
Entre os centros beneficiarios desta iniciativa no noso país inclúense 20 bibliotecas públicas, 89 centros adheridos á Rede de aulas de Modernizacion e Inclusión Tecnolóxica (CeMIT), 14 centros hospitalarios, 8 parques naturais, 17 centros de atención a discapacitados e diversas aulas de formación, nos que se instalaron un total de 150 ordenadores e 153 portátiles adaptados, así como 181 kits de discapacidade e 60 lectores de DNI electrónicos.
Este equipamento, que permite facer uso dun PC ao 60-70 por cento das persoas con algún tipo de discapacidade, combina software específico e elementos periféricos tales como teclados de teclas grandes con cobertor, ratos de bola grande adaptados, conmutadores tipo botón (que facilitan o manexo para usuarios con dificultades motoras), ratos para queixo, sistemas de soporte e colocación tipo brazo ou pantallas táctiles, entre outros dispositivos.
Coa axuda desta tecnoloxía, as persoas integrantes destes colectivos tan só terán que poñer un pouco de vontade e moitas ganas de aprender para integrarse plenamente na Sociedade da Información, e colaborar así na mellora tecnolóxica de todo o país.