A XII edición de Xuventude Galicia Net pechou o pasado domingo pola tarde as súas portas cunha alta participación tanto na LAN Party como na programación aberta ao público. As actividades ligadas á formación, que este ano constituíron a gran novidade do maior encontro tecnolóxico da comunidade autónoma, tamén acadaron un gran éxito.
Máis de 1.200 mozos e mozas inscribíronse ao evento que se celebrou durante toda a fin de semana no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia en Santiago, aos que se sumaron as máis de 6.000 persoas que participaron nas actividades de acceso libre, polo que este ano se consolida a aposta da Consellería de Traballo e Benestar de abrir por segunda vez Xuventude Galicia Net ao público en xeral.
A aposta que a Consellería de Traballo e Benestar fixo este ano pola formación tamén tivo unha gran resposta de participación nas 40 charlas e obradoiros que se desenvolveron. Nesta edición calquera persoa tivo a oportunidade de anotarse ás actividades formativas de balde (anteriormente só podían participar os mozos e mozas inscritos previamente no evento).

Dentro do encontro, destacaron os campionatos de xogos para PC como o de Counter Strike 1.6, League of Legends, Super Street Fighter 4, ProEvolution Soccer. Tamén tiveron lugar competicións de lanzamento de CD, air guitar ou dobraxe, entre outras.

Durante a xornada do sábado a Radio Galega emitiu o seu programa de tecnoloxía Banda Ancha, conducido por Xosé María Fernández Pazos, quen contou coa colaboración de Raquel Noya, Carlos Ballesteros, Modesto Pena e Marcus Fernández nunha entrega especial do programa dende o Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia que comezou falando co blogueiro David Serantes sobre as bondades do iPad 2 e a aplicación Evernote (sobre a que Serantes impartira un relatorio o día anterior) ; ao que seguiu unha entrevista con Ovidio Rodeiro Tato, director xeral de Xuventude e Voluntariado, para comentar a presente edición de Xuventude Galicia Net.
Podemos escoitar o programa de radio a continuación:
Sorteo de Blusens
Durante a celebración de Xuventude Galicia Net dende Código Cero
organizamos coa empresa galega de electrónica de consumo Blusens un sorteo de 3
dispositivos web:tv que contou coa participación de máis de 250 participantes
inscritos no foro de desenvolvedores de Blusens, resultando gañadores o que
empregaban como identificadores no devandito foro Josete, christianoliveira e
Cabo.

