A conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, anunciou hoxe que a Xunta de Galicia pon a disposición das empresas e dos cidadáns un programa para que poidan asinar de forma dixital documentos electrónicos. A aplicación pode descargarse de balde do apartado de descargas da páxina web da Consellería de Facenda.
Fernández Currás explicou que o seu departamento é consciente da dificultade que supón para as pequenas e medianas empresas, así como para os cidadáns, o acceso ás tecnoloxías de sinatura electrónica, polo que o Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (CIXTEC) o facilita, cun programa de balde.
Esta ferramenta, que se pode usar tanto en galego como en español, supón unha versión mellorada e máis versátil que a xa existente, xa que permite asinar dixitalmente a maioría dos tipos de arquivos electrónicos e é tamén conta cun manexo máis sinxelo e intuitivo.
O novo programa facilita asinar de forma electrónica calquera documento que se presente ante a Administración e aqueles outros que poidan intercambiarse nas relacións entre as propias empresas. Igualmente permite enviar a través de correo electrónico os arquivos unha vez que se asinan de maneira electrónica.
Entre as posibilidades que aporta, están a presentación por parte de empresas e particulares de documentación perfectamente asinada con medios dixitais; asinar dixitalmente documentos e arquivos de calquera extensión; verificar documentos asinados de maneira dixital, a súa validez e integridade; así como visualizar os documentos pendentes e asinados de xeito cómodo e rápido para unha correcta xestión do portafolio persoal.
Facenda achega de balde unha ferramenta para asinar documentos dixitalmente
Compartir Este Artigo

