Cómo está el panorama?!, ben podería ser un grupo de Facebook creado a raizame dos resultados acadados polo PP nas últimas eleccións; tamén un tag en Twitter para dar conta do que sucedeu nos últimos días arredor do IGAPE, ou mesmo o nome dun álbum fotográfico coas imaxes do volcán islandés que obrigou a cancelar máis de 5.000 voos en toda Europa; pero non é nada diso, trátase de algo moito máis innovador e interesante para os máis de 5 millóns de parados que hai en España: unha ferramenta online, de utilidade para atopar traballo.
Máis polo miúdo, é a proposta dun dos equipos galegos participantes no programa Desafío Abredatos 2011, que está entre os proxectos candidatos a gañar o concurso, e que serve para saber en que zonas de España hai máis posibilidades de atopar traballo.
A ferramenta, que foi desenvolvida en tan só 48 horas, consiste nun mapa virtual de España que achega a relación do número de parados e das ofertas de emprego que hai en cada Comunidade Autónoma, e tamén nos distintos concellos, para que os usuarios poidan buscar traballo da maneira máis visual e intuitiva posible.
Asemade, a aplicación, que ata o vindeiro domingo 29 de maio estará exposta a votación popular para decidir os gañadores do concurso, inclúe a posibilidade de buscar un concello concreto e acceder a unha ficha coa información detallada do mesmo, así como a referencia a outros municipios próximos ao seleccionado.
¿Como está el panorama? é un proxecto aberto ás suxestións e comentarios dos usuarios, polo que ten habilitados cadanseus perfís en Facebook, Twitter e Youtube; nesta última plataforma podemos ver o vídeo de promoción do proxecto:
Desafío Abredatos 2011
O Desafío Abredatos 2011, é un concurso no que os equipos desenvolven servizos tecnolóxicos de utilidade para a cidadanía, baseados no uso de datos públicos, de forma “exprés”, e cun tempo límite de 48 horas.
Unha vez que se publicaron os 38 proxectos participantes, durante a fin de semana do 7 e 8 de maio, comezou a fase de difusión e promoción dos proxectos, e ao longo desta semana seguirán expostos á votación popular.
Entre os participantes desta edición do Desafío Abredatos, atópanse, asemade, outros dous equipos de profesionais galegos: un procedente da Coruña e outro de Vigo.
Nesta edición, foron os mesmos equipos participantes, os encargados de decidir aos 8 finalistas do concurso.

