Sen dúbida, unha maneira moi eficaz de levar a cabo unha reunión cos veciños da comunidade podería ser cando o carteiro, o que mira os contadores da luz, ou os comerciais dalgunha operadora de telefonía, chama ao timbre de todos á vez para ver se ten sorte e algún veciño lle abre a porta; nese momento, o “telefonillo” do portal convértese nunha ferramenta de comunicación de última xeración, que conecta a tódolos veciños e veciñas nun mesmo punto do edificio: a porta que dá á rúa, onde se escoitan todo tipo de voces que preguntan a unísono: -“Quen?”.
Porén ese sistema (malia que a todos nos pasou algunha vez pola cabeza aproveitar para usalo como ferramenta de reunión) non é infalible, e moito menos práctico, xa que aínda hai de quen o pensa dúas veces antes de levantarse da cadeira e atender á porta.
Precisamente co obxectivo de facer posible que as comunidades de veciños estean sempre conectadas dunha maneira infalible, varias entidades galegas veñen de colaborar no desenvolvemento de Todosvecinos.com, unha ferramenta social para poñer en comunicación aos veciños e veciñas usuarias.
Trátase dunha web, totalmente de balde, que permite que tódolos usuarios de Internet que vivan en edificios comúns ou formen parte de comunidades veciñais, poidan levar a cabo unha “comunicación efectiva e real”, para saber, segundo afirman os seus creadores, “o que ocorre na súa comunidade de veciños”.
Entre outras cousas, o sitio permite que os seus usuarios poidan falar das cousas que realmente preocupan no seu edificio ou comunidade de veciños, e decidir o que facer da maneira máis democrática posible.
Desta maneira, poden ter en tempo real todo tipo de información relacionada coa xestión da avarías, ou novas instalacións, sen ter que estar a agardar á vindeira reunión de escaleira.
Para rexistrarse, as persoas interesadas só deben teclear a dirección da súa comunidade no buscador, e cando esta apareza, dala de alta para comezar a aproveitar as vantaxes da ferramenta; vantaxes que se poden intuír, e que van dende compartir comunicados e todo tipo de documentación sobre reunións e incidencias, ata asistir a reunións virtuais sen necesidade de saír da casa nin erguerse do sofá.
Loxicamente, tamén permite escribir notas no muro ou enviar mensaxes privadas, co que é posible que tamén lle sexa útil a algunha persoa interesada en ligar coa veciña ou o veciño de enfronte sen ter que ir continuamente a pedirlle sal (cousa pouco habitual dende que existen as redes sociais por certo).
Esta ferramenta social é novo proxecto da empresa galega Brainstorming Bussines, SL coa colaboración de Javier Varela de toctocmedia e Wireless Galicia.
Todosvecinos.com, nova ferramenta social made in Galicia
Compartir Este Artigo

