A empresa galega Plexus, compañía do ámbito das telecomunicacións con sede en Santiago de Compostela, vén de facerse co recoñecemento internacional de Aruba Networks, que recentemente lle fixo entrega do premio New VAR (Value Add Reseler) 2011.
Aruba Networks é líder mundial en tecnoloxía de redes de acceso sen fíos e xestión de usuarios móviles, a través da súa arquitectura de última xeración MOVE.
Esta entidade recoñece a capacidade da empresa galega para despregar redes sen fíos móbiles de vangarda e a súa integración no cliente, de maneira que, nas súas palabras, “logra unha solución completamente avanzada e adaptada ás necesidades e contornos máis esixentes”.
Esta distinción sitúa a PLEXUS como un dos partners certificados por Aruba Networks, que se atopa entre as compañías máis esixentes do mercado global.
Antonio Agrasar, conselleiro delegado de PLEXUS, recolleu o galardón no transcurso da Conferencia Europa e Middle East, celebrada en Palma de Mallorca, como recoñecemento da multinacional “ao esforzo e dedicación” de PLEXUS.
Edu Wifi
Un exemplo do traballo premiado é Edu Wifi, a rede sen fíos despregada por Plexus para cubrir as necesidades da escola 2.0; un proxecto polo que a compañía compostelá recibiu o distintivo de calidade Sello Escuela 2.0 do Ministerio de Educación.
Este distintivo concédeselles a aquelas entidades que asumen un compromiso firme e inequívoco co desenvolvemento e a mellora da calidade educativa mediante o uso das TIC, así como aos produtos e servizos que contribúen a acadar estes fins.
Á súa presenza no sector educativo, súmanse os seus traballos para outros ámbitos, como sanidade, xustiza, finanzas, industria, servizos sociais, emprego, telecomunicacións, turismo, ocio e seguridade, para os que desenvolveu produtos propios tales como Puntos de Información Multimedia, Sistemas de Cartelería Dixital e Sistemas de Xestión de quendas, entre outros.

