A Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), vén de cumprir 10 anos de intenso labor de innovación e divulgación das ciencias por todo o Estado, e celebrouno, como non podía ser doutra maneira, por todo o alto no Xardín Botánico de Madrid.
Alí tivo lugar un acto ao que asistiron as principais figuras e autoridades do entorno científico español, como os antigos directores da Fundación, Arturo García Arroyo, Joan Comella, Eulalia Pérez Sedeño e Juan Tomás Hernani, que viron recoñecido o seu labor á fronte da Institución; así como a actual directora xeral, Lourdes Arana, que foi a encargada de dirixir o acto.
Dende a súa creación, FECYT foi a entidade designada polo Ministerio de Ciencia e Innovación para dar cobertura á súa área de comunicación e divulgación, de maneira que a súa actividade estivo centrada principalmente en achegar a ciencia e a innovación á sociedade, ao tempo que se xeraban novas vocacións científicas e se lanzaban no eido internacional.
Entre outros temas de interese científico, o acto dou lugar a un debate sobre o papel que cumpren os novos medios sociais como ferramenta de comunicación na sociedade, no que participaron, ademais de científicos e catedráticos de distintas materias, Ramón Núñez, director do Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía, MUNCYT, e Mónica Salomone, periodista científica, que actuou como moderadora.
O evento tamén serviu para presentar o libro 10 anos de divulgación científica en España, editado polo FECYT en conmemoración do seu aniversario, que estará dispoñible na web da entidade, para tódalas persoas interesadas.
FECYT celebrou este mércores os seus 10 anos de divulgación científica
Compartir Este Artigo

