Dende que Facebook foi traducida ao castelán, o número de usuarios desta rede social en España pasou de 1 aos 5 millóns que ten na actualidade en moi pouco tempo, desbancando de inmediato á súa competidora directa, Tuenti.
Non cabe dúbida que dende entón, son moitas as compañías que invisten en publicidade para ter presenza nesta rede social, ben cun perfil de seu (ao que se unen os usuarios) ou ben a través de distintas técnicas de marketing, que achegan á compañía ás páxinas que visitan os seus clientes potenciais.
Porén, a presenza das grandes marcas nesta rede social, lonxe do que lles gustaría aos seus directivos, aínda non está nin moito menos consolidada, e segundo recolle un informe presentado pola axencia Ymedia (que achega o diario CincoDías.com), das trinta marcas que máis publicidade investiron en España en 2010, “só unha delas supera os 100.000 seguidores en Facebook”.
O informe, que inclúe datos de: El Corte Inglés, Movistar, Vodafone, Orange, ING, ONCE, Línea Directa, Nokia, Peugeot, Opel, Ford, Carrefour, Volkswagen, Seat, , Citröen, Ono, Digital +, Viajes Ecuador, BBVA, Renault, Garnier, Toyota, Actimel, Activia, Repsol, Viajes Iberia, Banco Santander ou Media Markt, entre outras, engade que “as grandes marcas enfocan a súa actividade nas redes sociais con perspectivas e estratexias moi diferentes”.
Desta maneira, e sempre segundo o documento, das marcas con web propia que ofrece datos de seu, “unicamente Vodafone supera os 100.000 seguidores en Facebook”, seguida de El Corte Inglés (79.576), Movistar (74.785) e a Guía Repsol (69.079).
O estudo indica, asemade, que son as marcas de comunicación e novas tecnoloxías (Vodafone, Movistar, Orange, Nokia, Ono…) as máis activas da rede social, con milleiros de seguidores, debido, moi probablemente, a que nas súas propias web oficiais se destacan de maneira moi clara as ligazóns a estas redes sociais.
Estas grandes compañías, aproveitan a súa presenza en Facebook para comunicarlle as súas ofertas aos clientes, así como darlle a coñecer os produtos e servizos que teñen em promoción.
As grandes firmas en España atraen poucos seareiros no Facebook
Compartir Este Artigo

