As ciencias, a mediciña ou a enxeñaría, entre outras moitas disciplinas, requiren cada vez de máis e mellores técnicas de procesado de datos matemáticos, que permitan reducir os tempos de resolución de incógnitas e que posibiliten o tratamento de problemas de cada vez maior complexidade.
Segundo informan dende o CESGA, “a implantación destas técnicas na industria é cada vez maior” e consecuentemente, a necesidade de profesionais especializados no procesado de información numérica aumenta nas empresas galegas.
Estes profesionais, deben estar formados especificamente no tratamento de grandes volumes de datos, na simulación de procesos ou no modelado predictivo, entre outras cousas, técnicas que o Master Interuniversitario en Computación de Altas Prestacións (HPC), presentado hoxe en Compostela, ten recollidas no seu programa.
A proposta formativa, que desenvolve o CESGA en colaboración coa UDC e a USC, conta nesta segunda edición co apoio de fabricantes de tecnoloxía e destacadas empresas do sector como HP, Bull, IBM, Fujitsu, ADM, Intel, Gompute e Dygra Films, onde finalizados os estudos, os alumnos e alumnas poderán realizar as súas prácticas e aproveitar o seu potencial innovador.
Este apoio tamén se traduce en colaboracións en forma de premios anuais ao Mellor Proxecto Fin de Master ou a inclusión en programas de bolsas e colaboración en proxectos de investigación de seu.
Asemade, a colaboración esténdese á achega de equipamento docente, así como de relatores e asesoramento en contidos formativos, tecnoloxías, habilidades e competencias de maior interese para os profesionais do sector.
O principal obxectivo do programa é formar a profesionais, tecnólogos e investigadores, no campo da arquitectura de computadores e a Computación de Altas Prestacións, polo que o Master está aberto tanto a alumnos que finalizaron os seus estudos recentemente, como a profesionais e investigadores que queiran complementar a súa formación previa.
As titulacións de acceso ao Master, que ofrece 25 prazas entre as dúas universidades, son preferentemente Enxeñaría Informática, Grao en Enxeñaría Informática, Física, Matemáticas, e en xeral calquera outra enxeñaría ou enxeñaría técnica, licenciatura ou grao en calquera rama de ciencias.
O Plan de Estudos consta de 13 materias e un Proxecto Fin de Master, repartidos en
dous cuadrimestres.
O máster en supercomputación galego formará profesionais para a industria e a investigación
Compartir Este Artigo

