O Instituto Nacional de Estatística, que nos últimos tempos ten que estar moi pendente dos cambios que se dan nos hábitos de consumo dos españois, ao estar cada vez máis influenciados por Internet e as novas tecnoloxías, vén de publicar o seu último estudo sobre o uso das TIC e do comercio electrónico nas empresas, o correspondente ao pasado ciclo 2010-2011.
Desta enquisa extráese que o 97,4 por cento das empresas españolas de 10 ou máis empregados dispón de conexión a Internet, e que o uso de ordenadores está estendido na práctica totalidade destas empresas (nun 98,6 por cento dos casos).
Tamén se observa que o 93,6 por cento das entidades ten implantada a telefonía móbil no seu seo, e que un 40 por cento das mesmas se comunica a través do intercambio electrónico de datos, vía Internet.
E falando de Internet, o 67 por cento das empresas con conexión á Rede dispón de páxina web de seu, unha cifra que supón un incremento do 5 por cento respecto do ano anterior, e que se eleva ata o 92,4 por cento no caso das empresas con máis de 250 empregados.
A meirande parte destas empresas empregan a súa web para darse a coñecer, mentres que unha gran maioría faino para facilitar o acceso a catálogos e listaxes de prezos.
Por outra banda, un 21,6 por cento das empresas teñen empregados que traballan fora dos seus locais de forma regular (a lo menos media xornada semanal), os cales conéctanse aos sistemas TIC da súa empresa mediante redes telemáticas externas; esta cifra supón un incremento interanual do 11,2 por cento.
No tocante ao uso das TIC por Comunidades, as empresas cuxas sedes sociais están situadas en Madrid, Navarra, Cataluña ou o País Vasco, presentan as maiores intensidades no uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación, mentres que as empresas de Cantabria, Extremadura e Canarias teñen as menores porcentaxes de uso das TIC.
Galicia está entre as primeiras Comunidades Autónomas no tocante ao uso de Internet, e das empresas que teñen conexión, o 61 por cento ten páxina web propia, unha cifra que máis ou menos segue a liña da media estatal.
Tamén está máis ou menos como a media no uso da banda ancha móbil e da sinatura dixital, sendo das máis punteiras á hora de relacionarse telematicamente coas Administracións Públicas.
Neste senso, preto de dúas de cada tres empresas utiliza a firma dixital nalgunha comunicación con axentes externos, e delas, o 96,8 por cento emprégana para relacionarse coa Administración pública, e con provedores e clientes (nun 24,4 por cento das ocasións).
As tecnoloxías máis usadas en España para acceder a Internet son a conexión mediante solucións DSL, nun 97,4 por cento dos casos, e a banda ancha móbil (3G), que acada unha porcentaxe do 40,7 por cento.
Xa no que se refire ás ventas mediante comercio electrónico, o estudo indica que no ano 2010 o 12,2 por cento das empresas realizaron vendas online, e que o 23,3 por cento das empresas fixeron compras pola mesma vía, unha cifra que a ben seguro irá en aumento nos anos vindeiros, na mesma medida en que se incrementen as conexións a Internet nos fogares dos españois.
O INE publica a última enquisa sobre o uso das TIC e do comercio electrónico nas empresas
Compartir Este Artigo

