O servizo Google+ estreouse cunha aplicación móbil para Android, quedando os usuarios de iPhone á espera dunha aplicación nativa para os seus terminais, que finalmente chegou hoxe á App Store, e que facilita o acceso aos contidos que comparten os nosos amigos, a publicación de actualizacións dende o móbil, a consulta de material compartido preto da nosa localización actual e a realización de chats de texto entre os membros dun dos nosos círculos.
Google+ xa estaba accesible dende o iPhone grazas a unha versión móbil da web do servizo, pero cunha aplicación nativa permítese, por exemplo, a publicación de fotografías almacenadas no móbil, aínda que fronte á aplicación para Android temos unha grande carencia: a posibilidade de subir de xeito instantáneo as fotografías e vídeos que tomemos no móbil aos servidores de Google.
A estrea da aplicación de Google+ para iOS foi un tanto accidentada, pois a primeira versión publicada contiña distintos erros, que foron corrixidos nunha actualización que saíu preto de dúas horas despois (unha das actualizacións máis rápidas vistas nunca).
Por desgraza, os usuarios de iPod Touch e iPad continúan sen gozar dunha aplicación nativa para os seus dispositivos. Tamén hai problemas para localizar a aplicación na App Store, pois o + do seu nome non funciona axeitadamente nos buscadores (aínda que pode atoparse a través da listaxe de aplicacións publicadas por Google).
Google+ estrea aplicación para iPhone
Compartir Este Artigo

