
Tal e como nos recordaba R estes días, as empresas adoitan a botarse a culpa unhas a outras desta obtención de información. Pero a cousa está ben clara: tódolos operadores que ofrecen numeración aos seus clientes, tanto de fixo como de móbil, teñen a obriga de achegar os datos dos seus aboados a través do Sistema de Xestión de Datos de Aboados, plataforma desenvolvida pola CMT. Polo tanto, o dito SGDA élles un requirimento, unha esixencia, e á vez, un filón. Neste senso, a CMT non semella moi culpable. Non podería suprimir o noso número do rexistro nin aínda que llo pedíramos ou nos vira apuntándonos no devandito certame finés. Podería ocultalo en parte, iso si.
O papel da Comisión de Mercado das Telecomunicacións limítase a acadar que os operadores teñan unha plataforma informática para envorcar os seus ficheiros cos datos dos seus clientes, dispoñibles para que estas empresas poidan facer guías telefónicas, servizos no 118 ou de emerxencias, directorios, servizos de consulta. E nada máis. As restantes cousas que se poden facer con estes datos son por camiños indirectos. Por exemplo, unha operadora non pode usar estes datos directamente para facer promocións, pero se ve o número nas guías… pois xa se sabe. A pregunta que nos podemos facer é: podemos deixar de saír nas guías ou nos servizos de consulta? Pois segundo informa a CMT si que podemos, solicitándollo á propia Comisión, pero seguiremos figurando dispoñibles, de xeito obrigatorio, para os servizos de emerxencias. Así que o remedio é só aplicable en parte, pero podería servir para que nos deixasen un pouco máis tranquilos. Con todo, hai outra cousa que tamén se pode facer para deixar de recibir publicidade: esixirllo directamente ao noso operador, pedíndolle que o noso número non se empregue con fins comerciais.
A CMT achega máis claves para pórlle remedio á publicidade lixo nos móbiles
Compartir Este Artigo
