A empresa galega R vén de amosar o seu compromiso contra os servizos de todo tipo que asolagan a telefonía móbil e sen que o usuario os requira. Isto abrangue, para facérmonos unha idea, dende as chamadas que se nos fan repetidamente dende as operadoras para achegarnos novidades e ofertas (chamadas que chegan a calquera hora e en calquera situación e que semellan non entender o que significa “non”), ata o acoso publicitario que vén pola vía SMS, en ocasións igual de amolante có anterior. O caso é que estas prácticas están a rematar coa nosa paciencia, sobre todo cando se tenta tirar proveito, co uso de chamadas gravadas dando marxe a todo tipo de trucos, de persoas maiores que non teñen coñecemento do que se lles fala. A empresa R, neste senso, xa expresou o seu desexo de marcar as diferenzas.
Para comezar, quere desmentir a falsa crenza, espallada pola competencia, de que é R quen subministra os datos para que as empresas restantes establezan comunicación cos seus clientes. Sobre este punto, a firma galega quere deixar claro que se trata dunha mentira. A maiores, a compañía quere pórse ao servizo dos clientes afectados polo devandito acoso comercial. Dende a compañía aseguran que “cando vos chaman apuntade o día, a hora e tamén o número de teléfono (agora xa é ilegal que a chamada se faga dende un número oculto) e un resumo do que vos contaron (que datos vosos teñen, se vos indican xa os servizos contratados, saben o que gastades, vos chaman todos os días, etc.)”. E prosegue a compañía galega:” Tomaremos nota (enviádenos a información a fala-con-R@mundo-R.net) e porémonos de novo en contacto con este operador ou emitir a denuncia correspondente para que controle estas prácticas que ademais dan mala imaxe ao sector“.
R ponse en pé de loita contra as chamadas lixo
Compartir Este Artigo
