O pasado mes de xullo Blusens anunciaba que tiña en probas unha nova versión do firmware do seu web:tv, e agora esta actualización de balde faise oficial, incorporando unha serie de melloras significativas que atenden ás peticións de grande parte dos usuarios, entre as que destaca a compatibilidade con teclados e ratos sen fíos para facilitar a escritura e a navegación a través da Internet co dispositivo, facilitando a achega da Rede aos nosos televisores.
Outra grande novidade que integra o web:tv é o soporte con vídeos 3D en formato Digital 3D (tanto side-by-side coma top-and-bottom) para a súa reprodución en televisores 3D, o que agradecerán os que posúan unha pantalla deste tipo e queiran gozar de máis contidos dos que poden adquirir en Blu-ray 3D, polo que os vídeos estereoscópicos que podemos atopar na web terían aquí unha ponte aos nosos fogares.

Blusens tamén vén de actualizar o micrositio do produto, no que podemos atopar moita información sobre o mesmo.
Lembremos que o web:tv é un dispositivo de pequeno tamaño (117 x 100 x 40 milímetros) que pode conectarse ao televisor para achegarlle contidos multimedia de distintos tipos a través de USB ou por rede (tanto a través de Fast Ethernet como por Wi-Fi N), á vez que incorpora un dobre sintonizador de TDT de alta definición que permite actualizar televisores que non conten con tal tecnoloxía, e mesmo é capaz de amosar unha canle mentres grava outra nunha memoria USB ou nun disco duro externo. Os usuario que non demanden as funcións de TDT poden optar por adquirir o web:tv lite, unha versión do dispositivo que carece de sintonizador (e de Wi-Fi), o que permite abaratar o seu prezo 30 euros. Aínda que ambos dispositivos están dispoñibles en numerosos centros comerciais e tendas de electrónica de consumo, tamén poden adquirise directamente na tenda en liña de Bluses a 149 euros o web:tv e a 119 euros o web:tv lite.
Vídeo promocional do web:tv de Blusens
Blusens actualiza o firmware do seu web:tv
Compartir Este Artigo
