Dispoñible en beta unha nova actualización do firmware do web:tv

xoves, 14 de xullo do 2011 Raquel Noya

A firma de electrónica de consumo máis importante do noso país, a tecnolóxica Blusens, está a sumar tódolos seus esforzos para perfeccionar o produto estrela da casa e no que se pousan tódalas miradas do sector: o web:tv, un trebello que combina a reprodución multimedia coa sintonización/gravación de TDT de alta definición, que a partir do mes de agosto disporá de novas funcionalidades.
Así o anunciou Miguel Churruca, director de marketing e comunicación da compañía, que adiantou que a nova versión de firmware estará dispoñible como actualización gratuíta.
As melloras realizadas responden ás peticións dunha gran parte de usuarios que botaban en falta a compatibilidade do trebello con teclados e ratos sen fíos para facilitar a escritura e a navegación en Internet, e a súa compatibilidade con vídeos 3D en formato Digital 3D (como SbS –side by side ou TaB –Top and Bottom) para a súa reprodución en televisores de tres dimensións.
Outras funcións que se anuncian con esta actualización son a incorporación de melloras no streaming, que permiten que calquera dispositivo con conectividade WiFi poida acceder ao sintonizador do Blusens web:tv e a posibilidade de ver a televisión de xeito remoto en ordenadores, tablets e todo tipo de smartphones; no caso dos últimos, a aplicación permitirá converter calquera dispositivo Android nun mando a distancia para o web:tv.
Non é de estrañar, xa que logo, que Churruca se refira a este trebello como “un dispositivo vivo” do que engade que “gran parte do seu desenvolvemento persegue cubrir as necesidades e expectativas dos usuarios”.
Malia que a actualización de firmware estará dispoñible para tódolos usuarios a partires de agosto, xa se pode descargar en versión beta no foro de desenvolvedores de Blusens, un foro que está soportado directamente polo equipo de I+D da compañía, e que prové da información necesaria para que calquera usuario ou desenvolvedor poida crear novas aplicacións para o web:tv.