O director xeral de Twitter, Dick Costolo, desvelou información moi interesante sobre os usuarios do seu servizo de microblogging, que por fin chegou aos 100 millóns de usuarios activos (que se conectan como mínimo unha vez ao mes) dos que 50 millóns están activos diariamente. Resulta interesante que se precisen estas cantidades porque Twitter ten uns 200 millóns de usuarios rexistrados, de aí que ese tipo de datos absolutos non teñan moito valor.
Costolo asegura que Twitter non só ten moi boa saúde, senón que está a medrar a bo ritmo (especialmente en plataformas móbiles, con 55 millóns de usuarios activos a través de teléfonos e tablets) o que non evita que a páxina web do servizo rexistre 400 millóns de visitas ao mes (cando a primeiros de ano só tiña 250 millóns de visitas/mes).
Tamén resulta rechamante que preto do 40% dos usuarios non remitiron ningún tuiteo no último mes, o que indica que moita xente está a empregar Twitter como unha fonte de información, seguindo o que din os outros nesta plataforma que distribúe 1.000 millóns de tuiteos cada 5 días, 230 millóns de tuiteos ao día e chegando a superar a marca dos 8.900 tuiteos por segundo o pasado domingo.
Twitter chega aos 100 millóns de usuarios activos
Compartir Este Artigo
