Nos últimos meses o servizo estrela de aluguer baixo unha tarifa plana de películas e series de televisión a través de streaming nos EE.UU., Netflix, realizou distintos cambios que afectaban principalmente ao seu servizo paralelo de aluguer de soportes físicos (cunha importante suba de prezo), e finalmente decidiron que ambas liñas de negocio eran demasiado diferentes, de xeito que pasarán a operar por separado, quedando Netflix co servizo de streaming, mentres que o negocio orixinal da compañía (que remite películas en DVD e Blu-ray por correo) pasará a funcionar baixo a marca Qwikster.
Aínda que a segregación do aluguer de discos de Netflix sexa un negocio que poderá gozar de forza nos seus primeiros meses, non parece haber dúbidas en que está destinado á extinción, polo que a separación deste negocio dos servizos en liña podería resultar positivo para as contas de Netflix, especialmente en vista á súa expansión internacional (rumoréase que podería chegar a España no mes de xaneiro).
Dende Netflix aseguran que Qwikster ofrecerá a mesma páxina web e servizo de envío de discos ópticos que había ata o momento, de xeito que os usuarios só deberán acceder ao espazo dende un novo enderezo (Qwikster.com), e ao igual que os usuarios máis esixentes podían subscribir a opción de recibir as súas películas en Blu-ray en vez de en DVD, agora tamén permitirá actualizar a subscrición para recibir videoxogos para Xbox 360, PlayStation 3 e Wii, servizo que aínda está lonxe de existir de xeito global mediante streaming.
Netflix separa os seus negocios en liña e fóra de liña
Compartir Este Artigo
