O artista visual e ensaísta Joan Fontcuberta, que na actualidade desenvolve unha intensa actividade de comisariado de exposicións, investigación histórica e docencia, vén de ser convidado pola Axencia Galega de Industrias Culturais, AGADIC, para impartir un obradoiro de fotografía 2.0 na Illa de San Simón, os vindeiros días 1 e 2 de outubro.
O taller, Documento e identidade na fotografía 2.0, conta cun total de 25 prazas, e vai dirixido especialmente a fotógrafos profesionais e afeccionados de nivel avanzado, así como a xornalistas e artistas visuais interesados na fotografía dixital máis innovadora.
Ao longo de 12 intensas horas repartidas en horario de mañá e de tarde, Fontcuberta falará de “cultura postfotográfica”, para referirse ao contexto actual no que a fotografía dixital e a súa circulación masiva a través de Internet “alteraron a natureza do fotográfico e as que eran as súas funcións esenciais”. Neste sentido, segundo afirman dende a Consellaría de Cultura e Turismo, “no curso abordarase a vixencia do documental e os novos procesos de produción de identidade dende un enfoque eminentemente reflexivo”.
Para asistir a este obradoiro, que por certo coordina Xurxo Lobato, débese formalizar a solicitude de inscrición a través da web da Fundación da Illa de San Simón, sabendo que o prezo da matrícula é de 230 euros en réxime de pensión completa, con aloxamento na noite do sábado ao domingo; e de 150 euros sen aloxamento, co xantar do sábado incluído.
É de interese saber que Fontcuberta co-comisariou recentemente a exposición From here on,
que se ocupa dos novos usos vernaculares e artísticos propiciados pola fotografía dixital, Internet, as redes sociais, a proliferación de cámaras, os teléfonos móbiles…
Esta exposición presentouse no Festival Internacional de Fotografía de Arles (Francia) e exhibirase posteriormente en diferentes museos europeos.
Joan Fontcuberta impartirá un obradoiro de fotografía 2.0 na Illa de San Simón
Compartir Este Artigo

