O Centro de Supercomputación de Galicia, CESGA, no marco do proxecto europeo EVITA, vai celebrar na Coruña unha xornada de orientación ás PEME galegas, que ten como finalidade presentar as boas prácticas europeas de apoio a empresas que hai neste intre para a mellora do uso que fan de Internet e das novas tecnoloxías.
A xornada, á que se pode asistir de balde, terá lugar mañá xoves, 22 de setembro, e servirá para que os técnicos realicen un panel sobre transferencia de políticas de apoio a empresas (Policy Maker Workshop), así como para que impartan un seminario sobre posicionamento en Internet e Marketing Dixital, no que se tocarán temas que van dende as ferramentas de apoio a empresas na Rede ata o marketing dixital específico para pequenas e medianas empresas, entre outros.
Baixo o título Técnicas de Marketing Dixital. Da web 2.0 á web 3.0, Montserrat Peñarroya, Conselleira Delegada de GEA, Internet Project Consulting e fundadora do Portal Solostocks.com, vai ser a encargada de impartir este seminario, no que tamén se presentará o Proxecto Europeo EVITA e no que se darán a coñecer distintos casos de éxito en políticas de apoio a empresas en materia de Internet e TIC.
Trátase, en definitiva, de que as persoas asistentes á xornada, emprendedores e responsables de máis de 50 pequenas e medianas empresas de todo o país, comproben de primeira man as vantaxes de implantar o marketing dixital nas súas entidades, para o que recibirán información de utilidade sobre técnicas que melloran a comunicación en liña, que incrementan as vendas a través da web, que atraen visitas… e que mesmo “converten as visitas en contactos e os contactos en consumidores”, afirman dende a organización.
Peñarroya tamén falará da fidelización de clientes, da Web 2.0 e 3.0, e do posicionamento en Internet, factores de gran importancia para o éxito dunha campaña de mercadotecnia na Rede.
Coa xornada de mañá xoves, EVITA finaliza as súas actividades de formación e orientación de empresarios comezadas en 2008, nas que por enriba de todo, buscou “concienciar aos deseñadores de políticas na importancia do acceso á sociedade da información e do coñecemento por parte das PEME, aumentando tamén a rapidez do uso das TIC e do comercio electrónico nestas pequenas empresas e mellorando os procesos de negocio mediante a adopción de boa prácticas”.
A xornada de mañá desenvolverase entre as 9:30 e as 18:30 horas no Hotal Attica da Coruña.
Medio cento de empresas participan mañá nunha xornada sobre marketing dixital na Coruña
Compartir Este Artigo

