A Asociación de Empresas Galegas de Software Libre, AGASOL, que agrupa a máis de 30 entidades que promoven e difunden o uso das TIC no noso país, vanse achegar ás ONG e entidades de economía social de toda a Comunidade a través dunha xornada, na que se expoñerán as vantaxes do software libre para o seu quefacer diario.
Será unha xornada de traballo a celebrar en Santiago de Compostela, e nela daranse a coñecer as ferramentas informáticas baseadas en fontes abertas coas que as entidades interesadas lle poden ofrecer un mellor servizo aos colectivos máis desfavorecidos cos que traballan.
A xuntanza terá lugar o vindeiro día 29 de setembro no Museo Pedagóxico de Galicia, en San Lázaro, e congregará a ONG e entidades galegas que enfocan o seu labor cara a acción social, e que precisan de solucións viables e baratas baseadas en aplicacións informáticas óptimas.
Xa que logo, o software libre é a tecnoloxía que mellor se adapta a estas necesidades, ofrecendo solucións de balde para entidades de todo tipo e con intereses en eidos tan dispares como o da discapacidade, o dos dereitos humanos, o da drogodependencia, o da exclusión social…
A xornada, Software libre para o terceiro sector: oportunidades para o desenvolvemento, conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica (SXMIT) da Xunta de Galicia, e convida, entre outros a especialistas do sector como Xavier Castaño, de Igalia, Carlos Rodríguez de Tegnix, ou Xurxo Cegarra, de Wireless Galicia.
A participación na xornada é gratuíta previa inscrición na web de Agasol.
Programa da xornada
• 9:30-9:45 Presentación do evento por parte da Secretaria Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Dna. Mar Pereira Álvarez.
• 9:45-10:30 Que é o Software Libre? Filosofía, solucións e vantaxes. Relator: Xavier Castaño (Igalia)
• 10:30-11:15 Tecnoloxías accesibles no centro educativo dixital. Relator: Carlos Rodríguez (Tegnix)
• 11:15-11:40 Pausa-café
• 11:40 -12:30 Tecnoloxías accesibles no fogar dixital. Teleasistencia en usuarios con diversidade funcional. Relator: Xurxo Cegarra (Wireless Galicia)
• 12:30 -13:30 Mesa redonda. Presentación da nova plataforma de traballo orientada ao terceiro sector

