O Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), que entre outras cousas investiga a compatibilidade das TIC coa eficiencia enerxética, algo tan difícil e tan necesario á vez nos tempos que corren, está a traballar no desenvolvemento dun software que estudará o comportamento enerxético dos edificios, para poder así definir unhas directrices óptimas de rehabilitación dos mesmos de acordo coas condicións xeoclimáticas do noso país, que tan características son, todo sexa dito de paso.
O software, que se enmarca no Proxecto Reedifgal financiado polo Plan Galego de I+D, xerará modelos de edificios actuais e permitirá a súa comparación con edificacións futuras nas que os consumos se poidan minimizar.
Esta redución virá dada pola diminución da demanda enerxética do edificio por unha banda, e por unha maior eficiencia dos recursos pola outra; xa que logo, segundo afirman, a aplicación deste software suporá un aforro por edificio “como mínimo, de entre o 5 e o 20 por cento no consumo de enerxía, así como diminucións entre o 10 e o 30 por cento nas emisións de CO2”.
Na actualidade ITG está a monitorizar 12 edificios públicos de uso administrativo situados nas catro provincias galegas e representativos das edificacións de cada zona, nos que se instalou unha rede de sensores sen fíos que miden en tempo real tres parámetros críticos achegados dende a perspectiva da calidade do aire interior e o confort térmico dos usuarios, que son: temperatura, humidade ambiental e nivel de CO2.
A partir dos resultados que se obteñan, que se darán a coñecer en abril de 2012, o ITG elaborará unha simulación enerxética e un posterior estudo que recolla o comportamento enerxético dos edificios.
Asemade, as súas conclusións empregaranse para elaborar unha serie de directrices óptimas de rehabilitación para cada unha das tipoloxías dos edificios públicos estudados.
As construcións que se están a monitorizar son: a sede da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, o Parque de Bombeiros da Coruña, as casas consistoriais de Ourense, Mondoñedo, Ribadavia e Pontevedra, o edificio do Consorcio de Santiago de Compostela, o Palacete de Mendoza (Pontevedra), a Casa de Cultura e a Escola de Música de Mondoñedo, a Casa da Cultura de Ribadavia e o edificio de Urbanismo do concello de Pontevedra.
ITG desenvolve un software de simulación enerxética para optimizar os recursos dos edificios
Compartir Este Artigo

