
Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo; Enrique Barreiro, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense, e Juan Antonio Añel, coordinador da iniciativa, foron os encargados de inaugurar este mércores as xornadas, nas que tamén estiveron presentes María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, e Francisco Javier Rodríguez, director da Oficina de Software Libre da Universidade de Vigo. O reitor, por certo, quixo destacar a aposta das universidades polo software libre como “unha ferramenta que permite aos investigadores versatilidade, traballo en equipo e eficiencia”.
Ao abeiro destes encontros, empresas senlleiras do sector da computación como Bull, HP, SGI ou IBM afondarán nas súas máis recentes estratexias en software libre. Ao longo dos días de celebración dos vinte anos da escola, tamén haberá intervencións sobre temas como o software libre no Centro de Supercomputación de Galicia; os paradigmas e bibliotecas de programación baseados en software libre; distribucións GNU/Linux e HPC e aplicacións de novas tecnoloxías HPC en simulación de fluídos.
Para falar destas cuestións intervirán Aurelio Rodríguez, do CESGA; Juan Touriño, Emilio J. Padrón e Patricia González, da Universidade da Coruña; Orlando García e Alejandro Jacobo Cabrera do Grupo EphysLab da Universidade de Vigo; Rafael Grimán, de BULL; Carlos Corroto, de HP; Miguel Terol, de SGI; e Diego Pérez, de Quobis Networks, entre outros relatores. Como prato forte das xornadas, o día 6 de outubro Karsten Gerloff, presidente de Free Software Fundation Europe, ofrecerá a conferencia HPC: unha perspectiva desde a liberdade.
As vantaxes do software libre na investigación, polo miúdo en Ourense
Compartir Este Artigo
