O vindeiro 26 de outubro, coincidindo coa celebración do V Encontro Internacional da Seguridade da Información (ENISE) que vai ter lugar en León, o Centro de Resposta a Incidentes de Seguridade (INTECO-CERT) vai organizar un encontro paralelo de blogueiros especializados en seguridade, no que se ampliarán coñecementos e puntos de vista sobre a temática.
Trátase dunha mesa redonda, moderada polo coordinador da Área de Operacións de INTECO-CERT, Javier Berciano, que contará cos relatorios de catro blogueiros do país especializados en seguridade de datos, os cales, a través dun debate, tratarán de dar resposta ás cuestións máis comúns que se formulan no eido da seguridade en liña.
Os blogueiros convidados ao evento son David Hernández, autor de daboblog.com; José Selvi, de pentester.es; Manuel Benet, de securityatwork.es e Yago Jesús, creador e xestor do blog securitydefault.com, os cales, entre outras cousas, debaterán en torno ao lema central de 5ENISE: Cara unha sociedade conectada máis confiable, e atenderán ás cuestións que formulen as persoas asistentes.
O evento terá lugar no Parador de León o día 26 de outubro ás 19:00 horas, e poderá acudir de balde calquera persoa interesada na protección de datos e seguridade en liña.
Asemade, para facilitar o seguimento da mesa redonda, a organización vai retransmitir o evento en directo en http://enise.inteco.es e a través de @intecocert co #5Ebloggers.
INTECO organiza un encontro de blogueiros de seguridade que se poderá seguir online
Compartir Este Artigo

