O Goberno galego vén de facer reconto dos froitos obtidos a través do seu Portal do Empregado da Xunta, PORTAX, un espazo web posto en marcha hai un ano co cometido de facilitar o acceso interno (Intranet) aos recursos, ferramentas e informacións en liña de uso máis habitual entre os profesionais da Administración. Pois ben, segundo conta a Xunta, o portal xa rexistrou ao longo deste tempo un total de 226.543 accesos, o que confirma para o Goberno galego un dos obxectivos prioritarios que alentou a súa posta en marcha: o de acadar un punto de encontro útil entre a Administración galega e os profesionais que dependen da Función Pública e que “empregan decote esta ferramenta para acceder a servizos como a consulta de solicitudes de permisos e licenzas, de datos económicos de nómina, de procesos selectivos, de listaxes de contratación persoal ou de concursos de traslados, entre outros”.
O portal, cuxo acceso pode levarse a cabo a través da Intranet, mediante certificado dixital de persoa física ou de empregado público (expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre), insírese na estratexia de dixitalización posta en marcha polo Goberno Galego para modernizar os seus recursos de coñecemento e servizos e levalos, de xeito rendible, á Sociedade da Información. Estamos a falar do Plan de Modernización da Administración Pública, en concreto no programa de desenvolvemento de servizos para o empregado público. Este programa, informa a Xunta, “porá a disposición dos empregados públicos unha serie de recursos, ferramentas e aplicacións para contribuír á mellora do funcionamento da Administración Pública a través da modernización dos medios a disposición dos seus empregados”.
O sitio en liña do empregado público galego superou as 225.000 visitas
Compartir Este Artigo
