O Centro Demostrador TIC de Galicia, que o pasado verán abriu as súas portas para promover o uso efectivo das novas tecnoloxías nas empresas galegas, vén de celebrar a primeira sesión demostradora da plataforma de monitorización Emetel Insight, que permite controlar de xeito automático o que acontece na rede corporativa dunha entidade a través dun punto único de supervisión de tódolos sistemas.
A ferramenta, desenvolvida e presentada pola empresa Emetel Sistemas, é quen de informar antes de que aconteza unha incidencia na rede, o que segundo os seus responsables, “permite reaccionar con antelación e evitar problemas”. Asemade, a firma indica que Emetel Insight “permite a optimización dos recursos existentes, convertendo a infraestrutura TIC nunha vantaxe competitiva do negocio, tamén contribúe á redución do custe de posesión (TCO) das TIC e facilita o rápido retorno do investimento”.
Na sesión celebrada esta mesma mañá, os profesionais, persoal técnico e xerentes ou directivos de medianas e grandes empresas da nosa comunidade puideron comprobar de primeira man as vantaxes da plataforma, que é útil tanto para o sector público como para o privado.
A esta sesión demostradora, séguelle mañá a presentación do Sistema de Xestión Deslocalizada para os parques de bombeiros, que terá lugar entre as 12:00 e as 13:30 horas.
O Centro Demostrador TIC de Galicia celebrou con éxito a sesión divulgadora do EMETEL INSIGTH
Compartir Este Artigo

