
Para isto, é necesario vixiar de preto por onde se moven os consumidores, o público obxectivo das empresas que algún día representarán coas súas campañas publicitarias, e é aí mesmo, en Internet, onde “marca e cliente manteñen un diálogo íntimo”.
Así definiron a relación virtual empresa-cliente os xestores de comunicación da empresa de marketing Elogia Media, Patricia Díaz e Iago Fernández, que nos días pasados compartiron co alumnado de Publicidade e Relacións Públicas da Universidade de Vigo as vantaxes das plataformas de comunicación en liña, como Facebook ou Twitter, entre outras.
Segundo nos apunta o xornal dixital da entidade académica, tanto Díaz como Fernández destacaron que internet non é o futuro, senón o presente, xa que “é o lugar onde se pode atopar a calquera e tamén a todos os clientes”. Asemade, advertiron que calquera empresa que non se faga presente no mundo virtual, “perde unha grande oportunidade de negocio”, ao renunciar a un espectro de acción que crea valor de marca “a través dunha comunicación personalizada inmellorable”, engadiron.
Ámbolos dous relatores coincidiron en que “a gran diferenza entre unha estratexia publicitaria convencional e online atópase no papel que xoga o receptor da mensaxe”, de maneira que, mentres Internet permite comprobar in situ e en tempo real a reacción do usuario e ir actuando en base a iso, os medios tradicionais limítanse a observar os resultados acadados ao final dunha campaña.
Díaz e Fernández apuntaron os sectores da cosmética e a moda como “os que mellor están a aproveitar os beneficios dos social media” e adiantaron que a busca do contacto directo coa clientela “provocou que moitas empresas reorientasen os seus intereses cara a comunicación na Rede”, algo moi esperanzador para estes alumnos e alumnas que pronto cambiarán os seus asentos na facultade por cómodos asentos en grandes compañías onde exercerán como comunity managers.
Elogia Media revélalle as claves da comunicación en liña ao alumnado de Publicidade e RRPP
Compartir Este Artigo

