A finais do pasado mes de xullo, o Inega estreaba o seu pioneiro servizo de Diagnose Enerxética On-Line para Pemes, unha ferramenta á que se pode acceder a través da web oficial do ente público e que permite facer diagnoses enerxéticas en liña adaptadas ás particularidades de cada empresa, contribuíndo deste xeito á identificación de medidas concretas de eficiencia enerxética.
Pois ben, este revolucionario servizo suma xa preto de 300 usuarios dados de alta na aplicación e un total de 20 empresas que completaron tódolos pasos para concluír a auditoría.
Segundo afirman dende o Instituto Enerxético de Galicia, “da análise dos seus datos extráese unha capacidade de aforro enerxético no seu conxunto do 12 por cento”, unha cifra que demostra a eficacia da ferramenta no tocante ao aforro e eficiencia nas empresas do país, que ao mesmo tempo contribúe a mellorar a competitividade das mesmas rebaixando os custos que non achegan valor engadido.
A aplicación ten dous niveis, un básico e outro especializado, que entre os dous suman doce bloques temáticos, seleccionados segundo as principais necesidades manifestadas polas pemes, que neste caso concrétanse en: facturación enerxética, consumo térmico, iluminación, instalacións eléctricas, aire acondicionado, frío industrial, climatización e auga, transporte, enerxías renovables e alta eficiencia, mantemento, etiquetaxe enerxética e formación.
O primeiro nivel, máis sinxelo, conta con 206 usuarios dados de alta, os cales poden formular unha serie de preguntas de rápida e doada contestación, e en función das respostas reciben un informe de recomendacións sobre aforro e eficiencia enerxética estruturado en doce bloques temáticos.
Entre os contidos desenvolvidos, encóntrase información sobre as tarifas eléctricas aplicables á empresa, recomendacións relacionadas co correcto mantemento das instalacións térmicas, niveis de iluminación recomendados en función das tarefas a realizar, comparación da eficiencia das diferentes tecnoloxías de iluminación, así como información sobre subvencións a proxectos de aforro e eficiencia enerxética.
O nivel dous conta, ata o de agora, con 28 usuarios que realizan un segundo cuestionario máis especializado baseándose nas respostas do primeiro. O resultado de dito cuestionario é un informe adaptado á situación particular da empresa, que poderá incluír un balance enerxético detallado con estimacións do reparto do consumo eléctrico por proceso.
O servizo de diagnose enerxética en liña do Inega suma xa preto de 300 usuarios
Compartir Este Artigo

