A cadea Fnac, presente na Coruña, vén de anunciar que lanzará a finais deste mes, día 28, o seu propio lector de libros electrónicos para España, un dispositivo que contará (tal e como avanzamos dende esta web) con conexión Wi-Fi e pantalla de tinta electrónica. Segundo fixo saber a empresa, “os contidos para ler no libro estarán dispoñibles na web fnac.es e o usuario accederá a eles de xeito directo dende a sinxela interfaz do dispositivo”.
O trebello, que inclúe dicionarios dixitais e reprodutor MP3, insírese na vontade da empresa de ampliar e modernizar a súa oferta de produtos e soportes, achegándolles aos seus clientes un escenario integral onde acceder á cultura e, tamén, ás propias canles de nova pegada nas que se transmite esa cultura. O novo dispositivo inclúe pantalla de seis polgadas e memoria interna de 2 Xb, que pode ampliarse a través de tarxetas microSD. O interfaz vén da man da propia Fnac e da empresa bq, con sede en España.
O trebello terá capacidade para ler un bo número de formatos (PDF, MP3, JPEG, HTML, etc.), cousa importante tendo en conta a cantidade de aparellos que se fabrican con moitas funcións, e a un prezo de coidado, pero só para un determinado tipo de arquivo. O lector terá un peso de 140 gramos.
Entre os seus puntos máis fortes inclúese unha memoria estándar de máis de dúas mil obras, con capacidade para ser ampliada ata as 10.000. A Fnac acompañará o devandito lanzamento cun catálogo de máis de 80.000 títulos, a meirande parte dos cales virán en francés.
Fnac lanza o día 28 o seu propio lector de libros electrónicos para España
Compartir Este Artigo
