A Fnac porá no mercado o seu propio lector de e-books

venres, 22 de outubro do 2010 Fernando Sarasketa

A cadea comercial Fnac terá o seu propio lector de libros dixitais, seguindo o ronsel deixado pola libraría Barnes and Noble, que ten o seu Nook, ou por Amazon, que ten o seu Kindle. Segundo conta a canle francesa Clubic, a ferramenta chamarase, nun alarde de orixinalidade, FnacBook, e contará con pantalla táctil de seis polgadas e capacidade para ler un bo número de formatos (PDF, MP3, JPEG, HTML, etc.), cousa importante tendo en conta o bo número de trebellos que se fabrican con moitas funcións, e a un prezo de coidado, pero só para un determinado tipo de arquivo. O lector, que terá un peso de 140 gramos, chegará ao mercado francés antes do Nadal.
Entre os seus puntos máis fortes inclúese unha memoria estándar de máis de dúas mil obras, con capacidade para ser ampliada até as 10.000. Tamén virá con tecnoloxía Wi-Fi e con conexión 3G. A Fnac acompañará o lanzamento cun catálogo de máis de 80.000 títulos, a meirande parte dos cales virán en francés. O lector, deseñado por Sagem, custará 200 euros no país veciño.

PUBLICIDADE