A Cátedra Telefónica Sostenibilidade en Comunicacións Móbiles da Universidade Politécnica de Madrid organiza un curso de balde, a distancia (e-learning), para favorecer o coñecemento na potencialidade empresarial das redes sociais. A actividade, que se dirixe aos traballadores de pequenas e medianas empresas e os autónomos, ten 350 horas de duración, insírese no Plan Avanza 2 e comeza en xaneiro de 2011. Os seus obxectivos son, como dixemos, amosar as vantaxes das redes sociais no contexto empresarial da actualidade (a través da participación e a comunicación) e máis adaptar as estratexias empresariais previas aos cambios que producen, precisamente, as redes sociais. Tamén se exporán novas oportunidades de negocio e definir o perfil dun novo profesional xurdido ao abeiro das devanditas novidades: o social media manager.
A metodoloxía do curso é, como se dixo, o e-learning titorizado. Neste senso, “un equipo académico integral, formado sobre todo por titores especialistas na materia, coordinadores académicos e administradores encargaranse de resolver dúbidas, dinamizar o curso e realizar un seguimento individualizado de cada alumno”, informan fontes da Cátedra. O enfoque da actividade será práctico, co estudante combinando diferentes recursos didácticos e co apoio de ferramentas de comunicación en liña que favorezan a participación activa e a interacción continua co resto dos participantes. Os eixes temáticos do programa son a web social e a estratexia empresarial, a nova profesión do social media manager, o social media plan, o social media marketing, a publicidade e a comunicación en liña, a relación entre a empresa e as redes sociais, as comunicación virtuais, os blogs, os social media metrics e o posicionamento en buscadores. Os requisitos que se esixen para formalizar a inscrición, que se pode levar a cabo na web da Cátedra, son os seguintes: que sexamos traballadores e/ou autónomos e residentes en España. Haberá prazas limitadas por comunidades autónomas: Andalucía, Castela A Mancha, Castela e León, Estremadura, Galicia e Madrid.
A Cátedra Telefónica da UPM ofrece un curso de balde sobre unha profesión de futuro: o social media manager
Compartir Este Artigo
