Esta mesma tarde, a partir das 17:15 horas, o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia daralle por fin o pistoletazo de saída ás súas Xornadas de Informática Xudicial e Delitos Informáticos, que celebra por segundo ano consecutivo na capital galega e que agardan con impaciencia os profesionais do ámbito xudicial e xurídico do noso país.
A encargada de inaugurar o evento vai ser Mar Pereira, secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, que estará acompañada do director xeral de Xustiza da Xunta de Galicia, Juan José Martín, e polo presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), Marcos Mata.
As xornadas, que se desenvolverán ao longo de dous días, celébranse no Hotel AC Palacio del Carmen, e na sesión de hoxe os relatorios correrán a cargo do maxistrado e director do Servizo de Modernización e Organización Xudicial do Consello Xeral do Poder Xudicial, Joaquín Delgado Martín, e da Avogada e Socio Director de Razona Legaltech, Paloma Llaneza.
A xornada completarase cunha mesa redonda que leva por título: Estamos preparados para dar seguridade xurídica a un mundo xa dixital?, na que se achegarán as claves para movernos por Internet de maneira segura.
Mar Pereira inaugura esta tarde as xornadas de informática xudicial do CPETIG
Compartir Este Artigo

