Os vindeiros días 14 e 15 de novembro, o Clúster do Libro, da Edición, Librarías e Comercialización de Galicia, vai celebrar unhas xornadas técnicas sobre a edición 2.0 e os novos modelos de negocio no sector do libro, que, como non podía ser doutra maneira, vai contar coa presenza da firma galega Ideaspropias Editorial, unha das que máis leva apostado dende os seus inicios pola implantación das TIC no sector.
Xa que logo, á xornada do martes, 15 de novembro, asistirá como convidada a community manager de Ideaspropias Editorial, María Costa, que achegará de primeira man a súa experiencia nas redes sociais ao mando da compañía galega. A súa intervención terá lugar a partir das 13:00 horas, e nela, Costa exporá os motivos que levaron á editorial a estar nas redes sociais, así como as plataformas sociais xerais, profesionais e específicas nas que ten presenza e os seus obxectivos de cara ao futuro.
Asemade, revelará as claves da súa estratexia a seguir en Internet, e a importancia que teñen as ferramentas de medición que usa no seu día a día para saber a eficacia das campañas en liña que desenvolve no nome de Ideaspropias.
O uso de ferramentas tecnolóxicas, a comunicación e o marketing en liña, ou a normativa de comercio electrónico e de contidos dixitais serán algúns dos outros temas que se aborden nestas xornadas.
Ideaspropias comparte a súa estratexia comunicativa en liña nunhas xornadas técnicas
Compartir Este Artigo

